O meu nome é Jénnifer
Domínguez, teño 21 anos e neste entrada describirei a miña biografía lingüística.
Tamén aproveitarei para facer unha pequena reflexión sobre o uso individual e
colectivo do galego.
Eu nacín en Corzáns,
unha parroquia do concello de Salvaterra de Miño, ao sur de Pontevedra. A
maioría dos seus habitantes eran e son persoas maiores e o idioma máis falado é
o galego. Dende ben pequena a lingua que escoitei foi o galego, pois tanto os
meus pais, como irmáns e avós eran galegofalantes. Cando comecei o colexio
todos os meus compañeiros e compañeiras falaban en galego, incluíndo a mestra.
Ao cambiar á etapa de
primaria notei bastante cambio pois había moitos compañeiros/as que falaban en
castelán, pero sen embargo os profesores/as seguiron falando na súa gran
maioría galego. Polo tanto, considérome unha persoa bilingüe secuencial por
aprendizaxe sistemática, pois o castelán aprendino na escola e a través dos
medios de comunicación.
A medida que ía pasando
de etapa educativa o número de alumnos/as e profesores/as que falaban en galego
ía diminuíndo. En canto ao meu grupo de amigos/as, sempre falabamos en galego e,
os que comezaron falando en castelán, acabaron cambiando de idioma. Cando
empecei os meus estudos na universidade o cambio foi sorprendente, pois nunha
clase na que eramos 80 persoas só 3 persoas falabamos galego.
A gran diferenza entre o
número de falantes entre estas dúas linguas non a percibín soamente no ámbito
educativo, senón na cidade de Pontevedra en xeral. Normalmente, cando entro nun
establecemento case sempre me responden en castelán. Agora mesmo relaciónome na
gran maioría con castelanfalantes, pero eu sigo falando na miña lingua inicial.
Isto non quere dicir que
non saiba falar castelán, de feito vivín un ano en Alicante e o este non supuxo
un problema para min. Con todo, sinceramente, prefiro falar a miña lingua
inicial, non soamente por comodidade senón porque a considero como un elemento
que nos relaciona coa nosa cultura, algo que nos distingue do resto. Por esta
razón non tolero comentarios tales como; “o galego non serve para nada” ou “aos
meus fillos non lles ensinarei galego, pois suporía unha lea para eles”. Isto
non son prexuízos cara á nosa propia lingua, pois os nenos e nenas non lles
resulta complicado aprender dúas ou máis linguas, todo o contrario benefíciaos.
Para concluír direi que,
como futura mestra, un dos meus obxectivos vai ser promover o uso da lingua
galega entre os máis cativos, así como
explicarlle diferentes aspectos da nosa cultura, que en moitas escolas non se
leva a cabo. Defendo a innovación e o progreso na educación, pero o uso da
lingua galega NON é un elemento que impida isto, senón que debemos velo como
unha vantaxe e non como un inconveniente.
Para finalizar, expoño
un fragmento do himno de Galicia, poema de Eduardo Pondal, que reflicte o
pensamento do autor, ademais do tratado anteriormente. E di así:
Os bos e xenerosos
A nosa voz entenden
O noso rouco son,
Mais só os iñorantes
E féridos e duros,
Imbéciles e escuros
Non nos entenden, non.
Aucun commentaire:
Enregistrer un commentaire